O comercio de Carballo mobilízase baixo o lema «Nós tamén somos vila!» para reclamar igualdade de oportunidades

Os establecementos secundaron o peche de dúas horas e os manifestantes percorreron a pé o centro da vila ata a praza do Concello, onde deron lectura a un manifesto contra a exclusión de Carballo por segundo ano consecutivo e reclamaron unha revisión do programa que evite a fuga de consumo e favoreza o equilibrio comercial do territorio

O comercio de Carballo alzou hoxe unha única voz en defensa do comercio de proximidade e da economía local. Os establecementos participantes pecharon as súas portas entre as 10.00 e as 12.00 horas para expresar a súa desconformidade coa exclusión de Carballo, por segundo ano consecutivo, do programa MercaNaVila que promove a área de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, e reclamar igualdade de oportunidades para o sector e para a veciñanza.

A mobilización desenvolveuse con normalidade e sen incidentes. Tras unha mañá de peche comercial, ás 12.00 horas os manifestantes concentráronse na céntrica rúa Coruña e desprazáronse a pé ata a praza do Concello, onde tivo lugar a lectura dun manifesto que resumiu as principais reivindicacións do sector baixo o lema «Nós tamén somos vila!». Os establecementos participantes cubriron os seus escaparates con pancartas para facer visible unha protesta que transcende os intereses particulares dos negocios e apela ao conxunto da cidadanía.

O motivo da mobilización é a aplicación dun criterio poboacional que deixa fóra Carballo do programa, sen ter en conta a súa realidade territorial e comercial. O municipio conta con 18 parroquias rurais e unha cabeceira comarcal que presta servizos a toda a súa contorna, unha función que, segundo defende o Centro Comercial Aberto (CCA), debería ser considerada á hora de deseñar iniciativas públicas de dinamización comercial.

A entidade non cuestiona o obxectivo de MercaNaVila, destinado a impulsar as compras nas localidades máis pequenas, senón que reclama que se revisen as condicións de acceso para evitar que o apoio a uns municipios se traduza en prexuízos para outros. O CCA lembra que os datos recollidos entre os seus asociados tras a campaña do ano pasado reflectiron perdas de facturación de entre 8.000 e 12.000 euros nalgúns establecementos durante o período de aplicación dos bonos.

A preocupación vai máis alá do impacto económico directo nos negocios excluídos. A entidade advirte de que este tipo de iniciativas tamén están a favorecer o desprazamento de consumidores e a fuga de gasto cara a outras localidades e comarcas, en detrimento da economía de proximidade. Unha situación que afecta ao conxunto do tecido comercial, incluídos os establecementos que si participan no programa, porque a actividade económica das vilas está conectada e a perda de consumo nunha localidade repercute no equilibrio comercial da súa contorna.

O CCA pon tamén o foco na situación da veciñanza de Carballo, que recibe nos seus domicilios comunicacións que a convidan a utilizar os bonos e mercar fóra da súa localidade de residencia e referencia. A entidade considera que non ten sentido promover o desprazamento do consumo cando o obxectivo compartido das administracións e do sector debe ser fortalecer o comercio de proximidade e favorecer que a actividade económica permaneza no territorio.

Por iso, ademais de reclamar unha revisión das bases das próximas convocatorias, para que os bonos se circunscriban á localidade de residencia de cada veciño/a, garantindo así o investimento en cada municipio beneficiario, o CCA propón que, se se mantén o criterio poboacional, se contemple a posibilidade de que Carballo funcione como complemento ao programa destinado ás localidades máis pequenas. Esta fórmula permitiría manter o apoio aos concellos beneficiarios e, ao mesmo tempo, ofrecer alternativas para evitar a fuga de consumo e reforzar a función comercial das cabeceiras de comarca.

«Non pedimos privilexios nin compensacións. Esiximos igualdade de oportunidades para o comercio de Carballo e para a súa veciñanza», recolle o manifesto lido na praza do Concello. O texto insiste en que apoiar as vilas máis pequenas non debe significar prexudicar outras, senón buscar solucións equilibradas que beneficien o conxunto do territorio. Todos somos pequeno comercio en mans de pequenos autónomos.

Nas últimas horas, responsables provinciais puxéronse en contacto co CCA de Carballo para retomar o diálogo e procurar novas vías de colaboración que permitan apoiar o comercio da localidade. Nos vindeiros días, a entidade estudará propostas alternativas co conxunto do tecido comercial para avanzar cara a solucións que respondan ás necesidades do sector.
Desde a entidade deféndese que a dinamización económica debe construírse desde a cooperación entre municipios e administracións, sen xerar desequilibrios nin desviar o consumo das localidades que tamén actúan como referentes para a súa contorna.

A xornada de protesta concluíu cunha mensaxe clara: a defensa do comercio local é tamén a defensa do emprego, da actividade económica e da vida das vilas. «Apoiar o comercio local debe unir, non dividir», recolle o manifesto, que remata cunha reivindicación compartida polos establecementos participantes: «Nós tamén somos vila!».

MANIFESTO

O comercio de Carballo manifesta hoxe a súa indignación pola exclusión, por segundo ano consecutivo, do programa MercaNaVila da Deputación da Coruña. Unha decisión baseada nun límite de poboación que non ten en conta a realidade do noso municipio, con 18 parroquias rurais e unha cabeceira comarcal que presta servizos a toda a súa contorna.

Esta exclusión prexudica o conxunto do comercio local, que perde oportunidades de venda e ve como parte do consumo se desvía cara a outros municipios. Os datos recollidos polo CCA entre os seus asociados xa reflectiron o ano pasado perdas de facturación de entre 8.000 e 12.000 euros nalgúns establecementos durante o período da campaña.

Pero esta non é só unha reivindicación do comercio. É tamén unha cuestión de dereitos e de sentido común para a veciñanza de Carballo, que recibe información para utilizar uns bonos de desconto aos que non pode acceder nos establecementos da súa propia localidade e que, se quere aproveitalos, ten que desprazarse a outros municipios. Unha situación que limita as súas opcións de compra e favorece que o consumo saia da súa contorna habitual.

Queremos deixar claro que apoiamos o programa MercaNaVila e o seu obxectivo de impulsar o comercio das pequenas localidades. Precisamente por iso, pedimos que se revise un criterio que deixa fóra a Carballo sen ter en conta a súa realidade territorial e comercial. Apoiar as vilas máis pequenas non debe significar prexudicar outras, senón buscar fórmulas equilibradas que permitan fortalecer o comercio de proximidade e beneficiar o conxunto do territorio.

Non pedimos privilexios nin compensacións. Esiximos igualdade de oportunidades para o comercio de Carballo e para a súa veciñanza. Pedimos que se escoite a nosa realidade e que se revisen as bases das próximas convocatorias, contemplando alternativas que permitan aproveitar a capacidade comercial das cabeceiras de comarca sen restar apoio ás localidades máis pequenas.
Hoxe pechamos as nosas portas durante dúas horas para facer visible unha reivindicación que nos afecta a todos e todas: ao comercio, ao emprego, á economía local e á veciñanza que quere mercar na súa vila.

Porque apoiar o comercio local debe unir, non dividir. Porque dinamizar o territorio non pode significar deixar negocios atrás nin obrigar a veciñanza a consumir fóra da súa localidade de referencia. E porque…..NÓS TAMÉN SOMOS VILA!

Compartir artigo

Artigos relacionados

41 comercios participarán na 2ª edición da campaña de Samaín do CCA

O CCA Carballo inaugura unha formación en empaquetado profesional para mellorar a experiencia da clientela

O CCA entrega as cinco tabletas sorteadas na campaña «A voltas co cole»

O MercaEdillo adiántase por primeira vez ao venres pola mañá para dinamizar as vendas e facilitar as compras

O CCA dálle a volta ao cole cun xogo de parellas, premios directos e cinco tabletas

Dobrete de María Canedo Velo en “O Prezo Xusto”

CCA Carballo: comercio local, campañas, eventos e comercios asociados
Descubre todos os negocios asociados con CCA Arteixo

Últimas publicacións

41 comercios participarán na 2ª edición da campaña de Samaín do CCA

O CCA Carballo inaugura unha formación en empaquetado profesional para mellorar a experiencia da clientela

O CCA entrega as cinco tabletas sorteadas na campaña «A voltas co cole»

Aproveita as vantaxes de pertencer ao CCA!

Descubra o noso espazo comercial aberto para vostede

O noso Centro Comercial Aberto (CCA) preséntase como o formato comercial que está contribuindo á modernización dos espacios comerciais tradicionais da nosa cidade.