O CCA dálle a volta ao cole cun xogo de parellas, premios directos e cinco tabletas

 A campaña, na que participan 22 comercios, converterá as compras realizadas ata o 18 de setembro nunha oportunidade para xogar e conseguir premios

Tras a boa acollida e o elevado nivel de participación da súa primeira edición, o Centro Comercial Aberto (CCA) Carballo recupera «A voltas co cole», unha campaña que converte as compras do regreso ás aulas nunha oportunidade para xogar e gañar. A iniciativa arrincou o pasado luns 17 e foi presentada esta mesma mañá pola Xunta Directiva acompañada do concelleiro de Promoción Económica e Turismo Xosé Regueira; o responsable da área de Feiras e Mercados Ramón Varela, e o alcalde de Carballo Daniel Pérez.

Entre o 17 de agosto e o 18 de setembro, cada compra ou servizo realizado nos comercios participantes dará dereito a un vale de participación, que deberá conservarse xunto ao ticket de compra, ben grampado ou correctamente selado polo establecemento e coa data correspondente. Este vale permitirá participar no xogo, que se celebrará na Praza do Concello os venres 4 e 18 de setembro, de 17.00 a 20.00 horas. En caso de choiva, a actividade trasladarase á primeira planta do Mercado Municipal.

A mecánica, baseada no clásico xogo de parellas, é moi sinxela: unha vez entregado e validado o vale polo persoal do CCA, cada participante terá cinco intentos para descubrir as fichas agochadas tras unha gran estrutura dividida en coordenadas. Con tres parellas conseguirán un premio de consolación; con catro, poderán escoller un agasallo ou experiencia directa; e quen consiga o pleno, atopando as cinco parellas nunha soa tirada, levará un cheque-compra de 50 euros e entrará no sorteo final de cinco tabletas de 10’’ (4 GB de RAM e 128 GB de ROM).

Para garantir que o xogo estea ao alcance do maior número posible de persoas, non se poderá utilizar máis dun vale por persoa en cada quenda. Quen dispoña de máis boletos poderá volver participar, pero deberá agardar á súa seguinte quenda.

«Queremos que a volta ao cole sexa tamén unha oportunidade para xogar, sorprenderse e premiar a confianza no comercio local. Con esta campaña damos unha volta ao formato habitual e facemos que cada compra poida converterse nunha partida», sinalou a presidenta do CCA Carballo, Silvana Rama Corral coa que coincidiu plenamente o concelleiro de Promoción Económica Xosé Regueira ao matizar que «aínda que esta campaña anuncia a fin das vacacións, o CCA anticípase unha vez máis á volta ao cole para facer desta un xogo, unha festa, ao tempo que premia a fidelidade da clientela por confiar no comercio local, no comercio de próximidade. Comprar local non é só unha garantía de bo servizo e boa atención, é apostar por manter vivas as nosas rúas e o noso ecosistema económico». 

Pola súa banda, o alcalde Carballo Daniel Pérez tivo palabras de agradecemento para o comercio ao sinalar que «grazas á implicación dos establecementos adheridos a esta campaña, mercar en Carballo supón unha recompensa directa para as familias, con sorteos, xogos e vales de desconto. Invitamos a toda a veciñanza a apostar pola calidade e a atención de quen nos coñece de toda a vida. Mercar aquí é investir no noso propio futuro», matizou.

Pleno e sorteo final

O venres 25 de setembro, ás 21.00 horas, terá lugar o sorteo de cinco tabletas de 10’’ entre todas as persoas que conseguiran os cinco acertos. O sorteo será retransmitido en directo a través do Instagram do CCA Carballo.

Comercios participantes

Atmósfera Sport, Benetton, Calzados Susa, Clarión Libraría, Clínica Dental Pico Blanco, Dequip Carballo, donClip.es, La Casita de Lu, Lencería Mª José, Maluca Lobe, Merliño Xoguetería, Muebles Fuentes, Mmmm! Xeados, O Barco dos Soños, Refugallo Zero, Retoños, Sweet Spirit, Teirón, Todo Lar, UPA! Espazo Barefoot, Zapatillería Isabel e Zocas.

A campaña está cofinanciada pola Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio, a Deputación da Coruña e o Concello de Carballo.

Compartir artigo

Artigos relacionados

O MercaEdillo adiántase por primeira vez ao venres pola mañá para dinamizar as vendas e facilitar as compras

Dobrete de María Canedo Velo en “O Prezo Xusto”

María Canedo Velo gaña o terceiro cheque da campaña “O Prezo Xusto”

O CCA viaxa ata Razo para entregar o segundo cheque do Prezo Xusto a Luciano Longueira Verdes

María del Carmen Calvo Feal, primeira gañadora da campaña “O Prezo Xusto” do CCA Carballo

O CCA leva “O Prezo Xusto” a Instagram para impulsar o comercio local e a participación dixital

CCA Carballo: comercio local, campañas, eventos e comercios asociados
Descubre todos os negocios asociados con CCA Arteixo

Últimas publicacións

O MercaEdillo adiántase por primeira vez ao venres pola mañá para dinamizar as vendas e facilitar as compras

Dobrete de María Canedo Velo en “O Prezo Xusto”

María Canedo Velo gaña o terceiro cheque da campaña “O Prezo Xusto”

Aproveita as vantaxes de pertencer ao CCA!

Descubra o noso espazo comercial aberto para vostede

O noso Centro Comercial Aberto (CCA) preséntase como o formato comercial que está contribuindo á modernización dos espacios comerciais tradicionais da nosa cidade.