O Centro Comercial Aberto (CCA) Carballo puxo punto e final á campaña estival “O Prezo Xusto” cun desenlace que deixou unha anécdota difícil de igualar: María Canedo Velo converteuse na primeira participante en gañar dous dos catro premios postos en xogo, demostrando unha puntería extraordinaria á hora de calcular o valor dos escaparates virtuais creados para a iniciativa.
A gañadora do cuarto e último escaparate realizou unha estimación de 1.023 euros, quedando a tan só 7,70 euros do prezo real, fixado en 1.030,70 euros. Unha diferenza mínima que lle permite levar o derradeiro cheque agasallo de 50 euros da campaña, entregado este mércores 5 nun dos comercios asociados ao CCA carballés.
A fortuna pareceu ter este ano un destino moi concreto: a parroquia carballesa de Razo. Dos catro premios entregados, tres remataron nesta localidade, dous deles precisamente da man de María Canedo Velo, que xa fora a gañadora do terceiro escaparate. Sen dúbida, en Razo hai auténticos especialistas en calcular prezos…
A campaña, desenvolvida durante todo o mes de xullo a través das redes sociais do CCA Carballo, propuxo cada semana un novo escaparate dixital composto por produtos cedidos polos establecementos asociados. As persoas participantes tiñan que calcular o seu valor e cumprir cos requisitos establecidos para optar aos premios, convertendo a iniciativa nun divertido xogo que espertou unha notable participación e interacción nas redes sociais.
Desde o Centro Comercial Aberto de Carballo fan unha valoración moi positiva desta primeira edición en formato dixital, que permitiu achegar o comercio local a novos públicos, incrementar a presenza nas redes sociais e fomentar a participación da clientela dunha maneira dinámica e entretida.
O CCA Carballo quere trasladar o seu agradecemento a todas as persoas que participaron ao longo destas catro semanas, así como aos establecementos asociados que colaboraron achegando os produtos que deron forma aos diferentes escaparates.
Vémonos moi pronto na seguinte campaña!