O Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo celebra esta fin de semana, 9 e 10 de maio, a segunda edición de BioSaúde, unha feira ao aire libre que converterá a Praza do Concello nun punto de encontro arredor da saúde, o benestar e o respecto polo medio ambiente.
A iniciativa consolídase como un espazo pensado para promover hábitos de vida saudables, o consumo responsable e a conciencia ambiental, ao tempo que contribúe á dinamización do comercio local.
Durante as dúas xornadas, o público poderá visitar os postos de 17 expositores, na súa maioría de proximidade, pertencentes a sectores como a alimentación natural, a cosmética ecolóxica, a moda sostible, a artesanía, as terapias alternativas ou os produtos de limpeza respectuosos co medio ambiente.
Horarios: De 10.30 a 14.00 horas| De 16.30 a 20.00 horas (sábado). O domingo será só de mañá.
**En caso de choiva, todas as actividades terán lugar no 2º andar do Mercado Municipal.
A programación paralela inclúe unha ampla variedade de charlas, talleres e actividades participativas. Tes toda a info na sección de novas desta web. Non faltes!
