“Truco ou Trato?” arrincará o 15 de outubro e converterá os escaparates do comercio local nun percorrido misterioso na procura de figuras ocultas e moitos premios
O Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo presentou esta a segunda edición da súa campaña de Samaín “Truco ou Trato?”, unha iniciativa que este ano contará coa participación de 41 comercios asociados, que busca dinamizar as compras no comercio de proximidade ao tempo que ofrece unha proposta de lecer para toda a familia.
Na presentación participaron o alcalde de Carballo, o concelleiro de Promoción Económica e representantes da directiva do CCA Carballo, que destacaron o elevado nivel de participación acadado nesta segunda edición e a implicación dos establecementos asociados nunha campaña que pretende levar o ambiente do Samaín ás rúas e aos escaparates do municipio.
A campaña dará comezo o 15 de outubro e os establecementos participantes estarán identificados cun vinilo adhesivo específico, ademais de contar cunha decoración temática a cargo de Andrea López- de Ide Sign Escaparatismo- que permitirá recoñecelos facilmente. Como principal novidade desta edición, os escaparates converteranse nun pequeno xogo de observación: os comercios participantes agocharán no seu interior diferentes figuras relacionadas coa temática do Samaín que as persoas participantes deberán localizar (cabazas, sombreiros, vasoiras, landras, morcegos, potes e pantasmas).
Deste xeito, a campaña propón un percorrido polos diferentes establecementos do CCA, favorecendo que a clientela descubra e visite comercios de distintos sectores e zonas do casco urbano. Se o ano pasado a proposta consistía en localizar letras misteriosas, nesta ocasión serán figuras elaboradas en 3D as que se ocultarán, levando ás persoas participantes dun escaparate a outro. E para guialos polo percorrido, os xogadores/as poderán descargar o código QR que figura en cada boleto para acceder ao mapa no que figuran todos os comercios adheridos.
A presidenta do CCA Carballo, Silvana Rama, destacou durante a presentación que a campaña nace cun dobre obxectivo: «Por unha banda, queremos ofrecer unha proposta divertida e atractiva para que as familias desfruten, participen e teñan a oportunidade de conseguir premios, pero tamén buscamos que esta actividade sirva para dar visibilidade aos nosos comerciantes». Neste sentido, sinala que o xogo das figuras ocultas «fará que as persoas participantes teñan que percorrer diferentes rúas e entrar nos establecementos para descubrir onde están agochadas, permitindo así coñecer comercios e propostas que quizais non visitan habitualmente».
O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, subliñou que iniciativas como esta “son fundamentais para impulsarmos o comercio de proximidade e consolidarmos unha economía local forte e diversificada”, e engadiu que “a colaboración entre o Concello e o CCA permite crear sinerxías que benefician tanto aos establecementos como á cidadanía, convertendo o Samaín, ademais dunha festa tradicional con valor en si mesma, nunha oportunidade de dinamización económica e de ocio familiar, ao tempo que se apoia o tecido comercial que xera emprego e vida nas nosas rúas”.
Para participar será necesario dispoñer da cartulina da campaña, que se poderá conseguir inicialmente ao realizar unha compra nun dos establecementos adheridos. Unha vez localizada unha das figuras ocultas, a persoa participante deberá comunicarllo ao comerciante, que procederá a selar o espazo correspondente. Cando consiga completar todos os selos, poderá comezar unha nova cartulina e continuar participando.
O venres 30 de outubro, entre as 17.00 e as 20.00 horas, as persoas que completen as cartulinas poderán entregalas para participar no sorteo de seis cheques de 50€, pensados especialmente para desfrutar cos máis pequenos e que poderán gastarse en establecementos do CCA vinculados á hostalaría e alimentación asociada como Adega O´Lagar, Asador Rio Sil, Cafetería A Nova Ferradora, Cafetería Mercado, Ceibo Café, Confitería San Luis, Dobbo’s Cookies, Gumi Golosinas y Regalos, Maloserá Carballo, Mmmm! Xeados, Panadaría Forno Novo, Parrillada A Lareira, Pizza Troppo, Restaurante Albaroque, Restaurante Pementa Rosa,Taberna O Lambón e Zuccaro.
A campaña contará tamén cun incentivo especial para quen queira vivir o Samaín en primeira persoa. As persoas que se acheguen disfrazadas durante a xornada do 30 de outubro recibirán entradas de cine para dúas persoas e xeados de balde.
O alcalde, Daniel Pérez, destacou que «esta campaña é unha boa mostra do que podemos conseguir cando o comercio local traballa unido: unha proposta que anima as rúas, ofrece alternativas de lecer para as familias e permite descubrir a diversidade de establecementos que temos en Carballo». Así mesmo, animou á veciñanza a participar e a mercar no comercio de proximidade, «porque detrás de cada escaparate hai persoas que crean emprego e contribúen a facer de Carballo unha vila viva e con futuro».
Desde o CCA Carballo destacan que a elevada participación nesta segunda edición confirma o interese dos establecementos asociados por desenvolver accións conxuntas que contribúan a dinamizar as rúas e achegar o comercio local á cidadanía. A proposta busca combinar promoción comercial, participación e diversión, poñendo o foco nos escaparates e na diversidade de negocios que forman parte do Centro Comercial Aberto.
Esta acción conta co apoio e cofinanciamento da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, a Deputación da Coruña e o Concello de Carballo.

Comercios participantes
A Fragua, A saia da Carolina, Akira, Anxaima Tempo para quererte, Atelier, Benetton, Bio Salón Mesturas, Buy&Sell, Cenor, Centro de estética Purificación Lema, Clarión libraría, Comercial Queijo, Confitería San Luis, Cristina Morgade, D&A Complementos, Doces Soños, DV Carballo, Ekaté, Emiliano Moda, Florida Centro Joya, Floristería Taibo, Gumi Golosinas y Regalos, Informática Valem, Jorge Moda, La Casita de LU, Lencería María José, Maker Store by AllKnow, Maloserá, Maluca Lobe, Muebles Fuentes, Óptica Enríquez, Pizzería Troppo, Refugallo Zero, Retoños, Sweet Spirit, Teirón, Todo Lar, UPA! Espazo Barefoot, Xoguetería Merliño, Zapatillería Isabel e Zocas.
Descarga aquí as bases da campaña