O Centro Comercial Aberto (CCA) Carballo arrinca hoxe 5 a súa campaña de Nadal co obxectivo de encher a vila de maxia, ilusión, solidariedade, luces, globos, actividades e moitos premios. Grazas á colaboración de empresas locais, asociacións e entidades públicas, este programa destaca polo seu compromiso co apoio á comunidade e a promoción da solidariedade nestas datas tan sinaladas. Dende obradoiros creativos ata visitas máxicas e espazos reservados para a ilusión, estas datas estarán cargadas de propostas para gozar en familia e volver a ilusionarse a través do comercio local.
A Globoteca: maxia, ilusión e premios
Coincidindo co acendido de Nadal, esta mesma tarde, ás 18.30 horas, xurdirá un novo espazo para a ilusión convertido nun espectáculo de luces, globos e…. moitos premios! Do 5 de decembro ao 5 de xaneiro, os clientes dos 76 establecementos adheridos á campaña poderán participar no sorteo da Globoteca, un lugar máxico, situado no sótano do Mercado Municipal (esquina parque infantil), que permanecerá decorado con preto de 100 globos, dos que 76 terán un premio directo de 100€ para gastar nos comercios participantes durante o 2025. Para poder optar a este suculento premio, bastará con mercar nos establecementos participantes, cubrir as rifas que se entregarán coas compras e depositalas nunha gran urna de madeira situada xunto á Globoteca. Cantas máis rifas obteñan os clientes, máis aumentarán as posibilidades de lograr o premio final. O sorteo realizarase o 8 de xaneiro e só se seleccionará un único gañador ou gañadora, que recibirá a totalidade dos premios valorados en 7.600€. Así mesmo, haberá unha segunda extracción para dispoñer dun boleto suplente, en caso de non aparecer o afortunado/a ou renunciar ao agasallo.
Colaboran: Establecementos participantes e Concellería de Feiras e Mercados.
Obradoiro solidario de postais de Nadal “Cada debuxo, conta!”
Ao longo desta semana estarán á venda en todas as librarías e papelerías de Carballo, así como nos máis de 80 comercios adheridos ao CCA de Carballo, as postais solidarias elaboradas polos nenos e nenas que participaron no obradoiro infantil organizado pola nosa entidade en colaboración coa empresa carballesa Vázquez y Reino en beneficio das vítimas da DINA. Dos 85 debuxos realizados pola cativada, elixíronse seis ao azar para reproducir e distribuír en máis de 100 puntos de venda a un prezo simbólico de 1€. Todo o recadado destinarase ás persoas damnificadas polo temporal, a través das asociacións de comercio, hostalaría e empresas das zonas afectadas.
Debido a imprevistos de última hora, a exposición do obradoiro de postais de Nadal terá unha nova ubicación aínda pendente de confirmar. Informaremos a través da nosa web e das redes sociais do CCA.
Colaboradores: Librarías e papelerías de Carballo, Mon Lendoiro, Cristina Castro, Ouvea Estudo Creativo, Bercom Impresión Dixital e Avanty Publicidade.
Visita de Papá Noel e os seus Elfos
Do 20 ao 24 de decembro, Papá Noel e os seus elfos axudantes visitarán Carballo e recibirán aos nenos e nenas na Praza do Concello. A casa de madeira onde se instalarán, chegada directamente de Laponia grazas ás xestións da Concellería de Promoción Económica, será o escenario perfecto para que os máis pequenos/as compartan os seus desexos e entreguen as súas cartas.
- Horarios:
- Venres a luns: 17:30 – 20:30 h
- Martes 24 de decembro: 11:00 – 14:00 h
Organizan: CCA Carballo e Concellería de Promoción Económica.
Feira Doce
Os comercios especializados en doces asociados ao CCA tamén participarán na Feira Doce organizada polo Concello de Carballo, onde ademais de ofrecer as súas exquisitas creacións, realizarán obradoiros aptos para todas as idades. Unha oportunidade perfecta para endulzar as festas e descubrir a ampla variedade de delicias locais.
Taller de reciclaxe plástica e concienciación ambiental
O 4 de xaneiro, entre as 17:00 e as 19:00 horas, no segundo andar do Mercado Municipal, celebrarase un taller educativo sobre a conservación do medio ambiente. Destinado a nenos de 3 a 12 anos (aforo recomendado de 50 participantes por taller), a actividade incluirá:
- Taller de separación de residuos plásticos.
- Creación de orugas reutilizando plásticos.
- Demostración do proceso de inxección de plásticos, coa elaboración de mosquetóns reciclados.
Cada participante levará como agasallo unha oruga e un mosquetón creado no taller. Esta actividade está patrocinada por Metalúrgica BB e impartida pola Asociación Íntegro.
Desde o CCA Carballo agardamos que esta programación axude a revitalizar o comercio local, transformando a nosa vila nun punto de encontro para a familia e nun símbolo de unión, colaboración e solidariedade. Animamos a todos os veciños/as e visitantes a participar activamente neste Nadal tan especial. Boas festas!