Por outra banda, a entidade xa está ultimando os preparativos da nova edición da Feira das Oportunidades, que se celebrará do 7 ao 9 de marzo e contará coa participación de 30 expositores locais
O pasado Nadal, Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo, en colaboración coa empresa carballesa Vázquez y Reino, levou a cabo unha campaña solidaria titulada “Cada debuxo, conta”, destinada a recadar fondos para a Asociación de Comercio de Paiporta (ACOPA), na Comunidade Valenciana. A iniciativa logrou recadar un total de 1.715 €, que xa foron depositados na conta da asociación para financiar os labores de reconstrución do comercio local, gravemente danado polo temporal que tivo lugar en outubro de 2024.

Dita campaña contou coa colaboración desinteresada de todas as librarías e papelerías de Carballo, que cederon todo o material necesario para o correcto desenvolvemento do obradoiro de postais; deseñadores, creativos, empresas locais e provedores, que fixeron posible a posta en circulación de 100 huchas destinadas a recadar todo o diñeiro posible creativos/as, familias e, por suposto os nenos e nenas que contribuíron ao éxito desta acción solidaria. Grazas aos seus donativos, centos de persoas uníronse para paliar e mitigar os danos causados polo temporal, demostrando a forza da comunidade e o compromiso co benestar común.
O CCA de Carballo agradece a colaboración de todos os participantes e patrocinadores nesta campaña solidaria, que demostra a solidariedade e o espírito comunitario que caracteriza á nosa vila. A achega de cada persoa foi fundamental para apoiar a recuperación do comercio local de Paiporta, contribuíndo á súa revitalización e ao fortalecemento da economía local.
A Asociación de Comercio de Paiporta (ACOPA), fundada en 1984, agrupa a máis de 50 comercios de diferentes sectores, como alimentación, téxtil, complementos e fogar. A súa misión é protexer, fortalecer e potenciar o comercio asociado da localidade, sendo un lugar de encontro e referencia para os comerciantes, e proporcionando recursos, ideas, formación e proxectos para o desenvolvemento do comercio local.
Feira das Oportunidades (FOP2025)
Por outra banda, no Centro Comercial Aberto (CCA) xa están a traballar na organización da Feira das Oportunidades (FOP) 2025. O evento, que terá lugar do 7 ao 9 de marzo, celebrarase nunha ampla carpa de aproximadamente 750 m², situada na zona de Rego da Balsa, entre as rúas Perú e Pontevedra, nunha superficie total de 2.500 m².
Nesta edición, a feira contará coa participación de 26 expositores no interior da carpa, representando a diversos sectores que van desde téxtil, calzado, complementos, moda deportiva, agasallos, moda infantil, artesanía, alimentación, decoración e fogar. Ademais, o recinto disporá dun servizo de cafetería e unha zona infantil para o desfrute da cativada, na que se desenvolverán talleres de robótica, programación , construción, xogos de mesa, etc., e a I PequeFeira.
No exterior, nunha área de aproximadamente 600 m², estarán presentes tres destacados concesionarios locais que exhibirán vehículos de oportunidade, incluíndo modelos de ocasión e quilómetro cero, así como unha empresa especializada en venda e aluguer de maquinaria.
En total, a FOP2025 reunirá a 30 establecementos comerciais e empresas locais, consolidándose como unha cita ineludible para os/as amantes das boas oportunidades e para aquelas persoas que unha vez máis optan por apoiar e confiar no comercio local. O CCA de Carballo convida a toda a cidadanía a achegarse a esta feira, que promete ofertas irresistibles, moitas novidades e un ambiente acolledor para toda a familia. Seguiremos informando!