Os días 10 e 11 de maio, o Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo organizará a 1ª Feira Temática sobre “BioSaúde”, un evento pioneiro que poñerá o foco na promoción do consumo responsable, os hábitos saudables e o respecto polo medio ambiente, que foi presentado esta
mañá na Casa do Concello, e contou coa presenza da presidenta do CCA Carballo Silvana Rama e o secretario da entidade Sergio Soneira, aos que acompañaron o concelleiro de Feiras e Mercados Ramón Varela e o alcalde Evencio Ferrero.
Esta feira, que se celebrará ao aire libre na Praza do Concello, quere ser un espazo de encontro arredor da saúde, o benestar e a natureza, reunirá a quince expositores, na súa maioría locais, procedentes dos sectores da alimentación, cosmética natural, moda sostible, terapias alternativas, nutrición ou produtos de hixiene e limpeza sostible.
Ademais da zona de expositores, que estarán situados no corredor da Praza do Concello, durante toda a fin de semana celebraranse actividades paralelas encamiñadas a concienciar a sensibilizar á poboación sobre diferentes aspectos relacionados coa nosa saúde e o medio ambiente. Así, desde o sábado pola mañá, o público que o desexe poderá asistir á diferentes charlas sobre saúde, nutrición, cosmética natural e estilo de vida sostible, a cargo de profesionais especializados nas diferentes materias. Tamén haberá actividades interactivas e recreativas para o público infantil e adulto, pensadas para fomentar a sensibilización e a educación ambiental. E xa, o domingo pola mañá, terá lugar un showcooking con receitas saudables elaboradas con produtos naturais e de proximidade.
Para garantir o aforo e unha boa organización, recoméndase inscrición previa enviando un correo a info@ccacarballo.com. En caso de dispoñibilidade, tamén haberá entrada libre.
II Pequefeira: volven os/as pequenos comerciantes
Tras o éxito da primeira edición, que tivo lugar durante a Feira das Oportunidades celebrada en marzo, e como parte da programación do domingo 11, os máis pequenos/as da casa terán de novo a oportunidade de vivir de a experiencia de ser comerciantes por unhas horas, fomentando a creatividade, a autonomía e o espírito emprendedor nun contexto lúdico e educativo. Será de 12:00 a 14:00 h, na propia Praza do Concello, previa inscrición a través do enderezo electrónico da asociación. Para participar será necesario acudir con produtos artesanais e/ou reciclados, e que sexan respectuosos co medio ambiente.
Durante o acto de presentación, a nova presidenta do CCA Silvana Rama Corral, fixo especial incidencia na importancia de BioSaúde como un “espazo de encontro onde compartir, aprender e conectar. No CCA tamén nos preocupa o coidado e o respecto pola nosa contorna”. Antes de rematar aproveitou para dar as grazas a todas as persoas que farán posible esta feira e convidou a toda a cidadanía “a participar e formar parte desta proposta que nace co desexo de crear comunidade arredor do que nos fai ben: a saúde, o benestar, o consumo responsable e o respecto pola natureza”, engadiu.
Pola súa banda, o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, destacou a importancia de que concello e comercio vaian da man na promoción dun recurso económico, cultural e social tan noso como a feira e puxo en valor a aposta do CCA por seguir abrindo camiños cara novos nichos de mercado, como o que representa o sector da biosaúde.
Na súa intervención, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, aproveitou a presentación da feira para felicitar dobremente á nova presidenta do CCA, por unha banda polo seu nomeamento, e pola outra, pola organización dunha feira que vén sumarse a un calendario de eventos cada vez máis amplo no noso concello. “Parabéns por esta nova iniciativa do CCA, unha entidade tremendamente activa, con capacidade para innovar, para dinamizar, e para intentar que Carballo siga sendo unha referencia comercial en toda a Costa da Morte e máis alá”, apuntou.
BioSaúde conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e, de maneira moi especial, do Concello de Carballo, que achega recursos materiais e humanos para a celebración deste evento como a cesión dos stands, o uso de espazos no Mercado Municipal, así como outros materiais accesorios e loxísticos.
Desde o CCA tamén queremos agradecer expresamente a colaboración da Brigada Municipal de Obras, da Policía Local e do persoal responsable do mantemento do Mercado Municipal, cuxo apoio é esencial para que a feira sexa un éxito tanto organizativo como de participación cidadá.
Expositores participantes
Adega O‘Lagar (alimentación), Aloe Herboristería e estética (estética), Asociación Íntegro (artesanía e reciclaxe), Bio Salón Mesturas (cosmética orgánica), Cafés Lúa, Dípataca (moda sostible), Lidia Troitiño (dietista integrativa), Mary Kay (cosmética), Mel e licores Codesal (produtor local), Mi legado emocional (Funeral planner), MisterNutrición (nutrición), Mmmm! Xeados (alimentación), Refugallo Zero (cosmética e hixiene natural), UPA! (Espazo barefoot) e Vaenbrand (moda sostible).
Programa actividades
SÁBADO 10
– Sesión de mañá.-
- “Saúde natural na era do declive da natureza”, Alejandro Castro (Cardinal). Ás 11.00 horas na Sala Cervantes- Mercado Municipal
- “A importancia de preparar a última viaxe”, Cristina Borrazás (Mi Legado Emocional). Ás 11.45h na Sala Cervantes – Mercado Municipal
- “Introdución ao Ashtanga Ioga”, Giuliana Castellucci. Clase ioga para + 10 anos. Ás 12.15h Planta alta Mercado Municipal
- “Parir con calma, forza e confianza: Ti podes”, Marta Regueira (Fisioterapeuta Marem especializada en obstetricia e uroxinecoloxía) e Sonia González (Metodoloxía de Parto e Movemento). Ás 12.15h na Sala Cervantes- Mercado Municipal. Só embarazas + acompañante
- “Vivo en Carballo e non fago surf, por que?” David Blanco (Sur&Clean) e Paco Gamero (Päua Surf, KiteSurf e Explora). Ás 13.00 horas na carpa da Praza do Concello
- Cata vermú artesán elaborado con auga de mar da Costa da Morte, Adega O´Lagar. Ás 14h na carpa da Praza do Concello
– Sesión de tarde.-
- “Calma e benestar: descubre a potencia dos aceites esenciais”, Ana Gómez (Terpenic-Aloe herboristería e estética). Ás 17.00 h na carpa da Praza do Concello
- Taller reciclaxe téxtil creativo, Dolores Caamaño (Dípataca) para nenos/as de 5 a 11 anos. Ás 17.00 h, no seu stand
“Descubre o barefoot: Sinte, conecta, camiña”, Tamara Remuiñán (UPA! Espazo Barefoot). Ás 18.00 h na carpa da Praza do Concello - “Suplementación e nutrición deportiva”, David Rodríguez (MisterNutrición). Ás 19.00 h na carpa da Praza do Concello
DOMINGO 11
- “PNI: unha nova maneira de entender a saúde”, Lidia Troitiño, dietista integrativa. Ás 11.00 h na sala Cervantes – Mercado Municipal
- Showcooking con degustación de petiscos, Chisco Ramos. A partir das 12.30 h na carpa da Praza do Concello
A ter en conta
• Datas: 10 e 11 de maio
• Horario: sábado de 11 a 14 h e de 17 a 20 h | domingo só de mañá
• Lugar: Praza do Concello de Carballo
• Inscricións para charlas/talleres: vía correo electrónico ao CCA (recomendada, pero non obrigatoria)
• En caso de mal tempo, o evento adiarase ata novo aviso
Organiza: CCA Carballo
Colaboran: Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello de Carballo