Será a través dun obradoiro solidario de postais de Nadal promovido polo CCA Carballo e a empresa Vázquez y Reino

O Nadal chega este ano cunha iniciativa moi especial “Cada debuxo, conta!: Obradoiro Infantil Solidario de Postais de Nadal”, promovido polo Centro Comercial Aberto de Carballo (CCA) e a empresa construtora Vázquez y Reino, que, unha vez máis, camiñarán da man na vindeira campaña de Nadal, que arrinca cunha proposta chea de solidariedade e creatividade.

Esta primeira acción terá como protagonistas principais aos nenos e nenas do municipio, especialmente cativos/as de 3 a 14 anos, convidados a participar na creación dunhas postais de Nadal moi especiais, que busca poñer o corazón en axudar a quen máis o precisa. A actividade, que estará coordinada de forma altruísta polos artistas locais Mon Lendoiro e Cristina Castro celebrarase o domingo 24 de novembro, de 11:00 a 14:00 horas, no 2º andar do Mercado Municipal.

Durante o obradoiro, os pequenos artistas poderán dar renda solta á súa imaxinación para elaborar postais únicas, que este Nadal poderán ser utilizadas para felicitar aos nosos seres queridos e, ao mesmo tempo, colaborar con quen máis o necesita. Ao remate da actividade, escolleranse ao azar seis modelos de postais, que serán reproducidas e distribuídas a comezos de decembro nos comercios adheridos ao CCA así como nas librarías e papelerías participantes, que doaron todo o material artístico que se vai empregar para a realización dos debuxos.   

6.000 postais solidarias estarán á venda polo prezo simbólico de 1€, para que, quen o desexe, poida sumarse a esta causa. A totalidade da recadación obtida destinarase ás vítimas afectadas pola DINA, a través das asociacións de comerciantes das poboacións afectadas polo temporal.

Este proxecto non só busca fomentar a creatividade, senón tamén ensinar aos máis pequenos unha valiosa lección: cada xesto conta! Desde a infancia, todos podemos contribuír a construír un mundo mellor, axudando a quen máis o necesita e entendendo o valor da colaboración e a empatía. Un valor do que saben, e moito, todas as persoas e empresas implicadas nesta acción e que de forma desinteresada colaboran doando os seus produtos, servizos e coñecementos.  

Desde o CCA de Carballo, queremos expresar o noso máis profundo agradecemento a todas as empresas colaboradoras, deseñadores, artistas e imprentas así como ás librarías e papelerías do municipio pola súa participación altruísta. A súa achega desinteresada fai posible esta iniciativa e demostra, unha vez máis, o forte compromiso social da nosa vila. Así mesmo, desde o CCA Carballo queremos dar as grazas ao Concello de Carballo pola súa inestimable colaboración e apoio nesta e noutras moitas accións.  

Empresas e entidades colaboradoras.

Librarías: Bergantiños, Brañas Verdes, Papelería Carlín, Clarión Libraría, DonClip, Espazo Lector Nobel, Papelería Guillín, Ler Librerías, Teldy, Todo Lar e Trasgo| Deseño e impresión: Ouvea Estudio-Creatividade Gráfica & Web, Avanty Publicidade, Bercom Impresión Dixital, Estudo Garabato-Obradoiro de Arte e Cristina Castro.

Agardámosvos este domingo para vivir unha xornada inesquecible! Non perdades a oportunidade de compartir a maxia do Nadal a través da arte e a solidariedade porque cada euro, cada postal e, por suposto, cada debuxo conta.