Carballo prepárase para acoller a XVII edición da Feira das Oportunidades (FOP2025), que terá lugar do 7 ao 9 de marzo no recinto de Rego da Balsa. Coincidindo coa primeira xornada dominical de feira do mes, este evento xa consolidado converterase de novo no gran escaparate do comercio local para ofrecer produtos de calidade a prezos inigualables.

A FOP2025, que organiza o Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo, contará cun total de 30 stands distribuídos entre a zona interior da carpa e o espazo exterior, nas que non faltarán sectores tan característicos como o téxtil, calzado, complementos ou xoguetes xunto a outros destacados de venda de 2ª man, alimentación, automoción ou maquinaria de gran volume.

No interior, instalaranse 26 expositores, incluída unha ampla zona infantil e un posto de información do Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo. No exterior, haberá 4 expositores, entre os que destacan tres concesionarios locais: Dimolk (Peugeot-Nissan), Hyupersa Motor (Hyundai) e Corgal Automóviles-Centauto (Kia-SWM), así como Alquileres Reneymar, que presentará unha exposición de material de 200 m². Ademais, nas inmediacións do recinto feiral instalarase unha polbeira para dar servizo aos clientes durante a fin de semana.

O presidente da entidade, Carlos Cousillas, subliñou que “a Feira das Oportunidades é unha ocasión única para que o comercio local poida achegarse aínda máis á cidadanía e ofrecer produtos de calidade a prezos moi competitivos. Ademais, este ano incorporamos novas actividades para todas as idades, reforzando o noso compromiso co dinamismo económico e social de Carballo.”

Un espazo pensado para toda a familia

A feira tamén ofrece actividades para os máis pequenos/as. A zona infantil, de 24 m2, contará cunha área de xogos e entretemento dispoñible durante toda a fin de semana. Ademais, o sábado 8 de marzo, de 18:00 a 20:00 horas, celebrarase un obradoiro de robótica, programación e xogos de mesa, dirixido a nenos e nenas de 4 a 15 anos e de acceso libre sen inscrición previa.

O domingo 9 será a quenda da I Pequefeira, unha iniciativa que permitirá que os máis cativos/as experimenten a sensación de ser comerciantes por unhas horas, vendendo os seus propios produtos, elaborados de forma artesanal ou recolectando artigos de segunda man que sexan da súa propiedade. Para participar nesta inicitaiva, que se desenvolverá de 11 a 14 horas, será necesario realizar unha inscrición previa a través do seguinte formulario https://forms.gle/r2Z2tu9BPeGgdCCFA. A realización desta actividade, dependerá da inscrición dun número mínimo de participantes.

Expositores participantes

  • Interior da carpa:

A Fragua, Akira, Atelier, Benetton, Buy&Sell, Calzados Susa, DV Carballo, Federópticos Nicolás, Jorge Moda, La Casita de Lu, Madeixalazos, Maker Store, Moda Suárez, Necos, O Barco dos Soños, Refugallo Zero, Regalosyregalitos.com, Retoños, Son Artesana, Sweet Spirit, Terra Patagonia, www.regalosypersonalizados.com, Xoguetería Merliño e Zocas.

  • Zona exterior:

Dimolk (Peugeot-Nissan), Hyupersa Motor (Hyundai), Corgal Automóviles- Centauto (Kia-SWM) e Alquileres Reneymar.

Desde o CCA Carballo queremos dar a grazas á Brigada Municipal de Obras, Policía Local e Agrupación de Protección Civil pola súa colaboración e apoio naos labores de coordinación e posta en marcha deste evento, que conta ademais cofinanciamento da Xunta de Galicia, a  Deputación da Coruña e o Concello de Carballo.