O Centro Comercial Aberto (CCA) Carballo e Rétif veñen de asinar un convenio de colaboración co obxectivo de ofrecer condicións comerciais especiais aos establecementos asociados á entidade e facilitarlles o acceso a produtos e servizos especializados para o desenvolvemento da súa actividade comercial.
O acordo, cunha vixencia dun ano desde a súa sinatura, permitirá aos socios e socias do CCA beneficiarse dunha serie de vantaxes nas súas compras a Rétif, empresa especializada en equipamentos, mobiliario, decoración e solucións para o comercio.
Entre as condicións recollidas no convenio figuran un 10 % de desconto na primeira compra e un 5 % nas compras posteriores, así como o envío gratuíto para pedidos superiores a 100 euros.

Ademais, os establecementos asociados terán acceso preferente a vendas privadas e lanzamentos de novas coleccións, poderán contar cun servizo de asesoramento en deseño de interiores e disporán do cliché gratuíto para a personalización de bolsas a partir de pedidos de 1.000 unidades.
Con esta iniciativa, o CCA Carballo continúa traballando para ampliar a rede de colaboracións e servizos a disposición dos seus asociados, buscando novas oportunidades que lles permitan optimizar os seus recursos, mellorar os seus establecementos e acceder a condicións máis vantaxosas na adquisición de produtos e servizos necesarios para o seu negocio.