15 expositores e un amplo programa de faladoiros e talleres protagonizarán a II BioSaúde

A cita coa saúde, o benestar e o respecto pola natureza celebrarase o 9 e 10 de maio na Praza do Concello. Para participar será necesario inscribirse previamente en info@ccacarballo.com

O Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo organizará os días 9 e 10 de maio a segunda edición de BioSaúde, un espazo de encontro arredor da saúde, o benestar e o respecto pola natureza que busca promover un consumo responsable, hábitos de vida saudables e unha maior conciencia ambiental.

O evento foi presentado esta mañá na Casa do Concello nun acto no que participaron a presidenta do CCA Carballo, Silvana Rama Corral xunto a outros integrantes da directiva e varios expositores, acompañados polo concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, e o alcalde de Carballo, Daniel Pérez.

A feira celebrarase ao aire libre na Praza do Concello e contará coa participación de quince expositores, na súa maioría locais, pertencentes a sectores como a alimentación, a cosmética natural, a moda sostible, as terapias alternativas, a nutrición ou os produtos de hixiene e limpeza ecolóxica.

Ademais da zona de exposición, situada no corredor da praza, durante toda a fin de semana desenvolverase unha ampla programación de actividades paralelas orientadas á sensibilización da cidadanía en cuestións relacionadas coa saúde e o medio ambiente. Así, desde a mañá do sábado, o público poderá asistir a distintas charlas e faladoiros sobre saúde, nutrición, cosmética natural e estilos de vida sostibles, impartidos por profesionais especializados.

A programación completarase con actividades interactivas e propostas lúdicas tanto para público infantil (taller surf e obradoiro de papel maché) como adulto, deseñadas para fomentar a educación ambiental dun xeito participativo. Como peche, e aproveitando que é día de feira, o domingo pola mañá terá lugar unha cata de vermú ecolóxico acompañada dunha degustación de callos elaborados polo Restaurante Albaroque.

Así mesmo, todas as persoas que se acheguen ata a feira a realizar as súas compras, terán a oportunidade de participar no sorteo dunha cesta con produtos de BioSaúde, doados polos expositores, e 5 cheques de 20€ cada un para gastar nos comercios do CCA. Para elo, deberán depositar as papeletas debidamente cubertas nunha urna depositada no stand informativo do CCA. O sorteo realizarase o domingo 10, ao remate da feira e será retransmitido en directo polo Instagram da asociación.

Co obxectivo de garantir unha correcta organización e control de aforo, recoméndase realizar inscrición previa a través do correo electrónico info@ccacarballo.com , aínda que tamén se permitirá o acceso libre en caso de dispoñibilidade.

V Pequefeira: emprendemento en clave infantil

Como parte da programación do domingo 10, regresa a V Pequefeira, unha iniciativa xa consolidada que permite aos máis pequenos e pequenas experimentar o papel de comerciantes por unhas horas. A actividade desenvolverase de 12:30 a 13:30 horas na propia Praza do Concello e require inscrición previa.

Os participantes deberán achegar produtos artesanais e/ou reciclados, respectuosos co medio ambiente, fomentando así valores como a creatividade, a autonomía e o espírito emprendedor nun contexto educativo e lúdico.

Durante a presentación, a presidenta do CCA destacou o valor de BioSaúde como “un espazo de encontro onde compartir, aprender e conectar, no que tamén poñemos o foco no coidado e no respecto pola nosa contorna”. Ademais, quixo agradecer a implicación de todas as persoas e entidades colaboradoras e convidou á cidadanía a participar “nunha proposta que nace coa vontade de crear comunidade arredor do que nos fai ben: a saúde, o benestar, o consumo responsable e o respecto pola natureza”.

Pola súa banda, o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, manifestou que a feira “é un exemplo do potencial que teñen as feiras temáticas para dinamizar a vida económica e social de Carballo. Nesta segunda edición, o CCA dá un paso máis, reforzando a programación e a participación de expositores e actividades para todos os públicos. Apostamos por eventos que non só atraian xente, senón que tamén transmitan valores como o consumo responsable e o coidado do entorno, facendo do noso mercado e da praza un punto de referencia vivo e activo.”

Finalmente, o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, subliñou que “a segunda edición de BioSaúde consolida unha iniciativa que conecta plenamente cos valores que queremos promover en Carballo: a saúde, o benestar e o respecto polo medio ambiente. Esta feira non só dinamiza o noso comercio local, senón que tamén crea un espazo de encontro para aprender, compartir e avanzar cara a un modelo de vida máis sostible. Dende o Concello seguiremos apoiando propostas que xeren comunidade e que poñan no centro ás persoas e ao territorio.”

Esta segunda edición de BioSaúde conta coa colaboración da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e, de maneira destacada, do Concello de Carballo que, como de costume,  achega recursos materiais e humanos para a súa celebración.

Desde o CCA agradecemos expresamente a colaboración imprescindible da Brigada Municipal de Obras e Policía Local para o correcto desenvolvemento da feira.

Expositores participantes

Adega O‘Lagar (alimentación), Aloe herboristería, Aloe estética (estética), Anxaima Tiempo para quererte (moda orgánica), Asociación Íntegro (artesanía e reciclaxe), AZUE Vida Natural (cosmética natural e artesanal), A Despensa que pensa (alimentación natural), MadeixaLazos (artesanía sostible), Mary Kay (cosmética), Mel e licores Codesal (produtor local), Refugallo Zero (cosmética e hixiene natural), Sentires (espazo holístico e mindfulness), Studio ZCV (estética avanzada), Zuccaro (alimentación) e a coffee truck de Cafés Lúa.

Programa actividades 

Sábado 9

11:00 – 12:00 | Sala Cervantes Mercado Municipal
Introducción á meditación: “Primeiros pasos para aprender a parar”
Relatora: Pilar Recarey Regueira (Sentires)

12:00 – 13:00 | Carpa
Clase Vinyasa Flow
Xiaohong Xu (Xiaohongyoga)

13:00 – 14:00 | Carpa
Charla -taller “Skincare consciente e fotoprotección avanzada: o novo estándar en saúde cutánea”
Relatoras: Zoila Cortizas y Sonia Calvo (Studio ZCV)

13:00 – 14:00 | Carpa
Diferenzas entre facer surf e ser surfista
Charla e taller práctico con xogos para amosar técnicas e modalidades
Relator: Toni Varela (OneSurfAcademy)

14:00 | Carpa
Cata de viños naturais (rosado, branco e tinto)
Cata: Ana Vázquez (Adega O’Lagar)

Toda a mañá | Carpa
Dá o paso natural: descubre o calzado barefoot
Punto informativo para coñecer e probar unha forma de camiñar máis natural
Relatora: Tamara Remuiñán (upa! Espazo barefoot)

17:00 – 18:00 | Carpa
Charla – Taller “Aceites esenciais: benestar e antiestrés natural”                                                                                                          Relatora: Ana Gómez (Terpenic)

18:00 – 19:00 | Carpa
Charla “Os piares do benestar: do vermello ao verde”
Relatora: Beatriz Lema (Escuela Gallega de Bienestar)

18:00 – 20:00 | Carpa
Taller de papel maché (para maiores de 8 anos)
 Coordina: María Arias (Zolás)

Domingo 10

11:00 – 12:00 | Carpa
Charla “Máis alá da dieta: entender o teu corpo para mellorar a túa saúde”
Relatora: Lidia Troitiño (Saúde Integrativa)

12:00 – 13:00 | Carpa
Charla de cosmética natural para pel madura e taller de maquillaxe para pacientes oncolóxicos
Relatoras: Ana Rodríguez, Ángeles Barallobre e Elisa López (Consultoras Mary Kay)

13:00 | Carpa
Cata de vermú ecolóxico con degustación de callos elaborados por Restaurante Albaroque
Cata: Ana Vázquez (Adega O’Lagar)

12:30 – 13:30
V Pequefeira – Feira de artigos elaborados con materiais reciclados

Compartir artigo

Artigos relacionados

Entregados os premios da campaña do Día da Nai e de BioSaúde

O corazón do CCA volve á rúa polo Día da Nai con premios e diversión para toda a familia

O CCA de Carballo entrega os premios da campaña do Día do Pai e reforza o apoio ao comercio local

O CCA premiará as compras para o Día do Pai con cheques por valor de 200€

El CCA premiará las compras para el Día del Padre con cheques por valor de 200€

Entregados os cheques aos gañadores da Globoteca e a recadación solidaria de 317 € a Un Paso Máis

CCA Carballo: comercio local, campañas, eventos e comercios asociados
Descubre todos os negocios asociados con CCA Arteixo

Últimas publicacións

Entregados os premios da campaña do Día da Nai e de BioSaúde

O corazón do CCA volve á rúa polo Día da Nai con premios e diversión para toda a familia

O CCA de Carballo entrega os premios da campaña do Día do Pai e reforza o apoio ao comercio local

Aproveita as vantaxes de pertencer ao CCA!

Descubra o noso espazo comercial aberto para vostede

O noso Centro Comercial Aberto (CCA) preséntase como o formato comercial que está contribuindo á modernización dos espacios comerciais tradicionais da nosa cidade.