As frechas de Cupido xa están chamando á porta e, no Centro Comercial Aberto (CCA) Carballo, queremos que acerten de cheo no corazón do comercio local. Con este espírito, mañá venres 6 de febreiro arrincará a campaña “Namórate do teu comercio”, unha iniciativa de dinamización comercial que se estenderá ata o vindeiro 14 de febreiro e na que participan 51 establecementos asociados.
Desta volta, a campaña convida á veciñanza a celebrar o Día dos Namorados apostando polo consumo de proximidade, e premiando cada compra realizada nos locais adheridos. Así, cada ticket de compra vinculada á campaña levará grampado un vale, que permitirá participar no xogo que se celebrará o domingo 22 de febreiro, coincidindo coa xornada de feira, na Praza do Concello. En caso de choiva, a actividade trasladarase ao primeiro andar do Mercado Municipal.
Durante a xornada, as persoas participantes converteranse en auténticos Cupidos lanzando dardos aos globos que conforman o gran corazón do CCA. Cada vale dará dereito a dúas tiradas, coas que se poderán descubrir os distintos premios agochados: cheques para gastar nos locais de hostalaría asociados, sesións de cine, bolsas e bolígrafos do CCA ou vales con mensaxes motivadoras, entre outras sorpresas. A participación non estará suxeita a importe mínimo de compra, salvo que así o determine cada establecemento.
A imaxe da campaña foi presentada hoxe 5 no Concello de Carballo. Ao acto, asistiron o alcalde Daniel Pérez, o concelleiro de Promoción Económica Xosé Regueira, o edil de Feiras e Mercados Ramón Varela e a presidenta do CCA Silvana Rama acompañada doutros membros da directiva.
A presidenta do CCA Carballo destacou que “campañas coma esta son posibles grazas á confianza da veciñanza, que día a día aposta polos nosos comercios”, agradecendo “o apoio constante dos consumidores e consumidoras, así como a implicación dos establecementos asociados, que demostran que unidos somos máis fortes”. Ademais, subliñou que “mercar no CCA non é só unha compra, é apoiar o comercio local e contribuír a manter viva a nosa vila”.
Pola súa banda, o alcalde lembrou que desde o Concello tamén se veñen organizando cada ano accións arredor do 14F “que nos permiten amosar o noso amor por Carballo. E, sen dúbida, amar o comercio local, tamén é amar a Carballo”.
Comercios participantes
A Fragua, A Saia da Carolina, Adega O´Lagar, Akira, Aloe Herboristería, Anxaima, Atelier, Atmósfera Sport, Avanty Publicidad, Becool, Benetton, Buy&Sell, Calvelo Platería Regalo, Calzados Susa, Cenor, Clarion libraría, Comercial Queijo, Confecciones San Juan, Confitería San Luis, Cristina Morgade, D&A Complementos, Dequip, Doce Soños, DV Carballo, Ekaté, Emiliano Moda, Florería Taibo, Florida Centro Joya, Informática Valem, Interfilm, Jorge Moda, Joyería Calvelo Seoane, Lencería-mercería Mª José, Lenda, Maloserá, Merliño xoguetería, Moda Suárez, Muebles Fuentes, Multiópticas, O barco dos Soños, Óptica Enríquez, Orange Carballo, Rafa Vila Joyerías, Refugallo Zero, Teirón, Todo Lar, Upa! Espazo barefoot, Vessali xoiería, Zapatillería Isabel, Zocas, Zuccaro.
Vídeo promocional
Coincidindo co arranque da campaña, o CCA Carballo volverá lanzar mañá nas súas redes sociais o vídeo promocional de 2025, protagonizado por comerciantes da asociación, no que se poñen en valor algunhas das moitas razóns polas que namorarse do comercio local: a atención personalizada, a confianza, a cercanía e o impacto positivo no tecido económico e social da vila.
Con “Namórate do teu comercio”, o CCA Carballo reforza o seu compromiso coa dinamización comercial, apostando por accións creativas e participativas que fomentan o consumo responsable e de proximidade. Porque, como lembra a campaña, mercar no CCA sempre ten premio.



